Transición.Ese sería o mellor título para a minha residencia no alg-a lab durante os primeiros meses do ano 2011. Transición en todos os aspectos. A Morte como futuro na tirada do tarot. Mudanzas.Transformacións.Vida, moita vida... aconteceu despois deste periodo de introspección, de procura.
Dous meses antes, 25 de novembro do 2010, xunto a Sweena e Vanessa Perozo, desenvolvera unha performance sobre a violencia simbólica no imaxinario de xénero. Vídeo en tempo real (moi), pintura (swee) e danza (vane).Tecnoloxía levada ao centro da escena. Cheguei ao módulo con vontade de indagar nas linguaxes de programación creativa, de reflexionar sobre maxia e ciencia, sobre paganismo e elemento feminino.Sobre revolucións transfeministas.

Neste dossier deixo recollidos textos inspiradores obtidos da lectura de "Calibán e a bruxa: Mulheres, corpo e acumulaçom originária". Silvia Federici.Colección Historia. Editorial Traficantes de Sueños. Unha análise dificilísima de encontrar sobre o periodo histórico da caza de bruxas, sobre o nacemento fortemente heteropatriarcal da ciencia como nova relixión secular.

A partir desta contextualización histórica, e tirando dos fíos locais (obxectivo principal desta residencia), Tareixa fála-me de, e pása-me posteriormente o libro editado pola Comunidade de Montes en Mancomún de Vincios e coordenado polo Clube Espeleolóxico Maúxo ao que pertence. Encontro grande información sobre as covas da zona do Galinheiro. Tamén sobre as súas lendas, sobre o imaxinario popular que as percorre e as habita.As mouras ou moiras, a Vella...Descobro encantada a enorme importancia do elemento feminino como elemento de sabiduría e poder na tradición pagá. Descobro doída como a maioría das fontes que albergaran o poder sensual e sabio destas figuras, foron escollidas como ubicación de santuarios relixiosos que asignan virxinidade, maternidade, ascetismo e sofrimento como características virtuosas dos seus iconos femininos.Neste dossier inclúo a transcrición dalgunha delas, así como un audio da lenda recitada (non podía faltar na pura cultura oral) con algún leves efectos sintéticos incluidos co puredata.
Xil do IEM (Instituto de Estudos Minhoranos) tivo a amabilidade de levar-me a conhecer as diferentes covas que se mencionan no libro.Tan perto e tan lonxe.Sen a súa conhecedora companha nunca tería chegado a elas, posto que non están sinalizadas en absoluto, pese ao patrimonio arqueleóloxico e simbólico que albergan.Son asociacións sen fins lucrativos ás que levan o traballo de ponhe-las en valor. Aqui inclúo un design interactivo feito en processing,a partir dunha foto da Cova da Moura tomada nunha destas dúas viaxes.

E entretanto chegara a primavera. No 2011 a Primavera foi Árabe, e ÁS SÚAS protagonistas adicámos-lhes a performance que Sweena mais eu desenvolvimos para o evento Evasión e Victoria (encargo de Baleiro Lab), misturando o vídeo en tempo real (delvj) coa pintura.Tamén podedes encontrar o vídeo neste hotglue, posto que foi desenvolvido no contexto desta residencia e deste marco conceptual.

Simultáneamente, cursos de edición de vídeo en linux na Gentalha do Pichel, así como formación en Habilidades Sociais para mulleres ciganas ocuparan o meu tempo...mais isto xa é outro relato.

Co final da primavera, tamén chegou o final da residencia. Outros caminhos e outras viaxes foron-me levando a Corunha, a Gijón, a Porto-Guimarães...a continuar a pesquisa nas linguaxes de programación creativa, nos interactivos, na reflexión sobre o papel represor da medicina sobre corpos, praceres e identidades de sexo/xénero. Mais isto, novamente, xa é outro relato, que podedes seguir hipertextualmente...




https://magiaugmentada.hotglue.me
Beka Iglesias
@geekshabeka